Entre as actuacións aprobadas atópase a construción dun novo edificio con 15 vivendas, locais, garaxe e rochos na Praza Nemesio Cobreros. O inmoble, que contará con planta baixa, sete plantas altas, baixo cuberta, semisoto e soto, suporá un investimento de 2.371.472,15 euros.
Tamén se concedeu licenza a Automóviles Pérez Rumbao S.A. para a reforma e acondicionamento dunha nave industrial na avenida Benigno Rivera, 68, no Ceao. A nave, destinada á venda, exposición e taller de vehículos, ocupará unha superficie útil de 2.576 metros cadrados e construída de 2.856,50 metros cadrados, e incluirá 58 prazas de estacionamento. O investimento previsto é de 972.157,62 euros, cun prazo de execución de 12 meses.
No ámbito turístico, autorizouse a ampliación do Hotel Forum Ceao mediante a reforma de espazos infrautilizados. O proxecto contempla actuacións na planta baixa para aparcamento e instalacións, e na primeira planta para habilitar apartamentos turísticos independentes. O investimento previsto é de 653.082,22 euros, cun prazo de execución de 36 meses.
A cuarta licenza corresponde á segunda fase da rehabilitación do edificio da rúa do Teatro, número 6, que terá como uso final pensión e restaurante. O proxecto, que conta con informes favorables dos servizos municipais, supón un investimento de 763.075,24 euros e un prazo de execución de 36 meses.
Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou a convocatoria de axudas para desprazamentos en taxi adaptado destinadas a persoas con discapacidade, cunha dotación de 5.000 euros. Tamén se aprobaron as bases para subvencións a entidades sen ánimo de lucro do ámbito dos servizos sociais, cunha dotación total de 76.000 euros.
No que respecta á Praza de Abastos, acordouse iniciar a contratación da subministración e instalación dun sistema de taquillas refrixeradas, cun investimento de 25.410 euros. Este novo servizo permitirá aos clientes recoller encargos fóra do horario de apertura, garantindo a conservación dos produtos frescos.
Así mesmo, aprobouse a contratación da iluminación decorativa de Nadal para o Cemiterio e o Mercado Municipal e a Praza de Abastos, cun orzamento máximo de 42.409,90 euros, que incluirá unha árbore da luz no cemiterio.
Finalmente, proponse habilitar o uso das bolsas de emprego para cubrir de maneira áxil postos vacantes por necesidade e urxencia, e designar o tribunal para o proceso selectivo dunha praza de monitor/a de Educación Vial.




