O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, presentou hoxe o programa do festival, destacando a colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Sutil sinalou que esta cita musical contribúe á continuidade da música en directo e á difusión do jazz feito en Galicia, compartindo cartel con artistas do circuíto internacional e achegando ao público diferentes xeracións e estilos de entender o jazz ao longo de once días.
O Auditorio Fuxan os Ventos será o escenario da apertura o mércores 4 de novembro co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo espazo actuarán Abe Rábade o día 8 e o Kenny Barron Trio o día 11.
No Círculo das Artes terán lugar as actuacións de James Carter Organ Trio o 5 de novembro, Jogo de Damas o día 6, Takuya Kuroda Quintet o 7, Patricia Brennan Septet o día 12, Erik Truffaz & Antonio Lizana o día 13, e Clarence Bekker Band o 14 de novembro. Pola súa banda, A Casa do Saber da Universidade de Santiago de Compostela recibirá a Mariola Membrives Trío o 12 de novembro.
O jazz galego terá unha presenza destacada no Club Clavicémbalo, con actuacións de Swing Titans o 4 de novembro, Juzz o día 5, MØRRAJÁSS o día 6, Do Like Sco o día 7, e Cachas & Cousins o 14 de novembro. Tamén se celebrará o encontro de Abe Rábade Trío con Ariel Brínguez o 12 de novembro. A programación deste espazo complétase con Irati Bilbao Sextet o 6 de novembro, Mario Morla Quintet o día 7, Luis Nacht, Jeff Williams & Demian Cabaud o día 11, Andrés Coll Cosmic Trio o día 13, Víctor Antón’s Barney Kessel Tribute Quintet o día 13, e Javier Vercher Cuarteto.




