As actuacións previstas, que se desenvolverán de maneira progresiva nos próximos meses, abarcan desde o acceso á información sobre horarios e percorridos ata os medios de pagamento, a organización das rutas e a imaxe das paradas.
Unha das principais medidas será a implantación dun novo sistema de axuda á explotación (SAE) que permitirá renovar os equipos dos autobuses e avanzar cara a unha información máis completa e accesible. Isto posibilitará o desenvolvemento dunha aplicación móbil e dunha páxina web con información en tempo real sobre a localización dos autobuses, os tempos de chegada e os percorridos. Tamén se habilitará o pagamento con tarxeta de débito ou crédito, e facilitarase a posible integración coa tarxeta MOVETE da Xunta de Galicia. Ademais, prevese incorporar a rede de autobuses urbanos de Lugo a Google Maps.
O acordo tamén contempla a renovación dos sistemas de información nas paradas, onde actualmente só funcionan 8 das 24 pantallas existentes, e a actualización da imaxe nos postes e marquesiñas. Estudiaranse tamén alternativas para optimizar as rutas, adaptándoas ás necesidades da cidade, como melloras de frecuencias ou accesos ao Hula e ao cemiterio municipal.
Inclúense tamén reivindicacións dos traballadores, como garantir a dispoñibilidade de aseos para os condutores en todas as rutas. Trabállase ademais no redeseño de varias liñas para dar servizo a demandas veciñais, como os accesos ao hospital ou ao cemiterio.
No marco do convenio coa Asociación Provincial de Taxistas, o Goberno local abordará o vindeiro 21 de outubro a ampliación do servizo de taxi a demanda, que actualmente se presta nas parroquias de Carballido e Labio. O obxectivo é dar cobertura ao 100% do territorio, comezando polas 13 parroquias máis próximas á cidade que non dispoñen de servizo de autobús: Pedreda, Tirimol, Meilán, Adai, Orbazai, Piugos, Cuiña, San Mamede, San Xoán do Alto, O Veral, Esperante, Ombreiro e Saa. Na xuntanza tamén se tratará o incremento de licenzas.




