O Concello de Lugo reafirma o seu compromiso co deporte inclusivo coa colaboración na organización dos 30º Xogos Autonómicos de Baloncesto Special Olympics Galicia. A cita, que se celebrará este sábado no Pazo Provincial dos Deportes, busca favorecer a inclusión social das persoas con capacidades diferentes a través da práctica deportiva.
A competición, organizada por Special Olympics Galicia coa colaboración da asociación local San Vicente de Paúl, contará con 232 participantes, dos cales 151 son deportistas procedentes de 13 entidades sociais de toda Galicia. A provincia de Lugo terá unha representación destacada con 62 xogadores e 18 adestradores de seis asociacións locais.
Ademais dos deportistas e adestradores, 46 persoas formarán parte dos equipos de voluntariado, arbitraxe, emerxencias e organización. A xornada comezará ás 10:45 horas co desfile das entidades, seguido da lectura do lema dos deportistas e a inauguración oficial.
A competición desenvolverase en diferentes niveis adaptados ás habilidades dos xogadores, con partidos pola mañá (12:00-14:30) e pola tarde (16:00-19:00). Ao remate, entregarase o Premio ás Boas Prácticas no Deporte, votado polos propios deportistas.
O concelleiro de Deportes, Damián Carballo, destacou a importancia de apoiar estas iniciativas que promoven a participación e a convivencia, visibilizando as capacidades de cada deportista e reivindicando un deporte aberto a todos.




