A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, celebrou a recuperación deste servizo, que atende as peticións do persoal da Banda Municipal de Música, encargada tamén da docencia. "Vemos o resultado práctico deste traballo coa recuperación dun servizo que levaba dous anos pechado", destacou.
A apertura da Escola de Música supón un resultado directo da modificación da RPT, permitindo retomar a actividade docente e as oportunidades de formación musical para a cidadanía.
Coincidindo co inicio das clases, o Concello abre un segundo período de inscrición para facilitar a incorporación de novo alumnado ao longo do inicio do curso.
Ademais, durante este mes de outubro está prevista a publicación das bases reguladoras do banco de instrumentos, unha iniciativa que permitirá solicitar o préstamo de instrumentos para utilizalos durante todo o curso académico, co obxectivo de reducir as dificultades económicas para as familias.
O material dispoñible incluirá 2 bombardinos, 10 clarinetes en Si bemol, 2 clarinetes en Mi bemol, 1 fagot, 1 gaita, 3 saxofóns altos, 4 trombóns, 2 trompas, 5 trompetas, 1 tuba e 3 lotes de percusión.
As persoas interesadas deberán atender ás condicións e requisitos que se detallarán nas bases, que informarán sobre o procedemento de solicitude e os criterios de concesión dos préstamos.




