Ambas entidades recibiron hoxe cadanseu cheque por importe de 9.087 euros. O delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, participou no acto de entrega dos fondos, onde felicitou aos organizadores por esta iniciativa que “pon a gastronomía ao servizo de dous proxectos que buscan mellorar a calidade de vida de persoas en situación vulnerable”.
A segunda edición de Diez Raz10nes celebrouse no Círculo das Artes, promovida por Allentum, Atalaya Comunicación, Os Cachivaches, Kronos e o Restaurante España. Contou coa participación de prestixiosos cociñeiros e cociñeiras da provincia de Lugo e do resto de Galicia.
No caso de Alume, a iniciativa beneficiaria é a acción Menos soidade, máis vida, en favor de persoas de máis de 60 anos con trastorno mental grave, co obxectivo de reforzar os apoios que fomenten o seu benestar, autonomía e participación social.
Pola súa banda, o proxecto Murallalandia vai encamiñado a dotar o HULA dun parque terapéutico, inclusivo e cultural, que transforme o entorno de hospitalización pediátrica do centro e favoreza a recuperación física e emocional dos nenos e nenas hospitalizados.




