O Concello de Lugo e o club de fútbol CD Lugo exploran novas vías de colaboración co obxectivo de fortalecer o vínculo entre a entidade deportiva e a cidade, así como fomentar o achegamento da infancia ao deporte.
A primeira iniciativa conxunta consistirá en permitir que nenos e nenas de Educación Primaria dos centros educativos de Lugo poidan asistir de forma gratuíta a determinados partidos do equipo. Esta medida incluirá tamén o acceso libre dun adulto acompañante.
O propósito desta iniciativa é achegar o CD Lugo aos escolares da cidade, brindándolles a oportunidade de experimentar en directo a emoción do fútbol e de animar o equipo que representa a Lugo. Nun momento de especial ilusión para o club, que lidera a clasificación, o seu desempeño contribúe a proxectar o nome da cidade máis aló das súas fronteiras.
O Concello busca así acompañar este vínculo entre o club e a cidadanía, involucrando ás novas xeracións no deporte e axudando a que se sintan parte del. Durante a reunión, o club fixo entrega de camisetas personalizadas á alcaldesa e ao concelleiro de Xuventude, Deporte e Infancia.




