José Ángel Blanco Pazos, alumno do máster en Enxeñaría en Deseño Industrial da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), resultou gañador do concurso de carteis para a II Feira de Formación e Educación. O evento, promovido polo Concello de Ferrol en colaboración coa Universidade da Coruña (UDC) a través do Campus Industrial, terá lugar o mércores 18 de novembro no Auditorio Álvaro Lamas.
O pasado xoves 15 de outubro, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, xunto coa vicerreitora do Campus de Ferrol, Igualdade e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas, e a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística, Patricia Cons Formoso, recibiron ao alumno gañador tras a presentación da feira e do cartel ante os medios de comunicación.
Durante un acto informal, Blanco Pazos recibiu un cheque por valor de 250 euros e o correspondente diploma acreditativo. A súa proposta impúxose entre un total de 25 deseños elaborados por alumnado da Universidade da Coruña (UDC).




