A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a Confraría de Pescadores de Ferrol para coñecer un proxecto de innovación e eficiencia no transporte de produtos pesqueiros. Esta iniciativa foi posta en marcha por un socio do pósito grazas ás axudas da Consellería do Mar, a través das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) e coa colaboración do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte.
O proxecto busca modernizar os medios de transporte e distribución de produtos pesqueiros frescos mediante a adquisición dun furgón isotermo híbrido enchufable (PHEV). O promotor tamén se dedica á comercialización polo miúdo de produtos do mar.
O investimento total ascendeu a máis de 40.700 euros. Esta achega permitirá mellorar a loxística, garantir a cadea de frío durante o transporte e reforzar a calidade e trazabilidade dos produtos. Ademais, o uso dun vehículo híbrido enchufable contribuirá á modernización da actividade cunha solución máis eficiente e respectuosa co medio ambiente.
Este proxecto forma parte dos financiados pola última convocatoria de axudas do Fempa, que conta cun orzamento de 10,3 millóns de euros para as anualidades 2026-2027.




