Os traballos buscan favorecer a recuperación do recurso e contribuír á continuidade da actividade marisqueira na zona, mediante a sementeira de exemplares de ameixa babosa (Venerupis corrugata) de talla comercial para constituír un banco de reprodutores.
Esta iniciativa forma parte dun convenio de colaboración asinado en xuño entre a Consellería do Mar e a Confraría de Barallobre, dotado con 1.330.185,76 euros ata 2027 e cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
O acordo busca rexenerar 468.000 metros cadrados de superficie marisqueira entre Maniños e Barallobre e a introdución de sete millóns de unidades de ameixa babosa, especie de referencia histórica na ría.
Esta intervención intégrase no plan extraordinario activado pola Xunta e inclúe acordos con máis dunha decena de confrarías, cunha previsión de sementeira de máis de 55 millóns de unidades de bivalvos en Galicia este ano. Complétanse co seguimento técnico e a investigación científica a través do estudo Bivaferrol, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela.




