O presidente da Autoridade Portuaria, José Antonio Álvarez Vidal, recibiu esta mañá na Sala Curuxeiras aos alumnos do máster, que se atopan en Ferrol para desenvolver a primeira das dúas xornadas de formación práctica programadas. O obxectivo é achegar a realidade e os principais retos e oportunidades do sector marítimo-portuario aos futuros profesionais.
Tras a benvida e a presentación das infraestruturas das dársenas, a actividade centrouse nunha reflexión sobre o presente e o futuro da actividade portuaria nun contexto marcado pola transformación das cadeas logísticas, a transición enerxética, a descarbonización do transporte e a dixitalización. A institución subliñou a necesidade de anticiparse a estes cambios para xerar novas oportunidades de actividade económica.
A xornada incluíu tamén unha visita ao terreo polos portos interior e exterior de Ferrol para coñecer as instalacións en funcionamento. A sesión deste xoves completa cunha clase presencial sobre o "Modelo de negocio do desenvolvemento dunha liña de short sea shipping", impartida polo director da Autoridade Portuaria, para analizar o transporte marítimo de curta distancia como alternativa cara a cadeas máis eficientes e sostibles.




