A Área Sanitaria de Ferrol participa hoxe en diversas actividades no Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol con motivo do Día Mundial da Diabetes. Unha das iniciativas destacadas é a da Asociación ANEDIA (Asociación de Nenas, Nenos, Xente Nova e Adulta con Diabetes de Galicia), que creou un mural colaborativo de tres metros de ancho por dous de alto. Este mural, baixo o lema "Vivir con diabetes. Un círculo construído entre todos", recolle as historias e experiencias da comunidade da diabetes en Galicia.
O obxectivo deste proxecto, segundo explica a asociación, é "mostrar que a atención á diabetes vai moito máis alá da consulta médica, e que se constrúe grazas ó traballo conxunto de pacientes, familias, profesionais sanitarios, centros educativos, administracións, investigadores, entidades sociais e clubs deportivos". Profesionais da Área Sanitaria incluíron frases clave no mural, como "Avanzamos na Prevención da Diabetes Tipo 1" do Servizo de Endocrinoloxía, ou "Educar para coidar, acompañar para vivir mellor" da Enfermaría.
Ademais, na entrada principal do hospital, a Asociación de Diabéticos de Ferrolterra e a Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus de Ferrol da Universidade da Coruña realizan controis de glicemia, tensión arterial e podolóxicos, sumándose á visibilidade desta patoloxía.
A Área Sanitaria de Ferrol tamén fai fincapé na prevención e tratamento da diabetes. Actualmente, hai unhas 1.200 persoas diagnosticadas con diabetes tipo 1 e preto de 20.000 de tipo 2, o que supón o 16% da poboación e unha tendencia á alza, especialmente na diabetes tipo 2 ligada á obesidade. O Servizo de Endocrinoloxía destaca a incorporación de novos fármacos, a extensión da monitorización glicémica para pacientes con diabetes tipo 2 con múltiples doses de insulina, e unha estratexia de prevención da diabetes tipo 1 con cribados poboacionais conxuntos con Pediatría.
En canto á diabetes tipo 1, avanza a tecnoloxía coa implementación de bombas de insulina híbridas, o que está a cambiar o paradigma do tratamento. Na Área xa hai 150 bombas en uso. Endocrinoloxía tamén subliña a incorporación dunha segunda enfermeira educadora en diabetes e o papel dos profesionais dos centros de saúde na xestión de sensores de glicosa.




