Segundo os datos recollidos polas oficinas de farmacia da rede sentinela, as taxas de dispensación de medicamentos antigripais e de probas de antíxenos diminuíron un 7,2 % e un 35,4 %, respectivamente. A taxa de consultas por gripe baixou do 15,3 ao 13,1 por cada 100.000 habitantes, un descenso do 14,7 % respecto á semana anterior.
Este descenso nas consultas produciuse en todos os grupos de idade, agás no de 60 a 79 anos, onde se mantivo estable, e no de 80 e máis anos, onde aumentou un 24,6 %. En relación coas áreas sanitarias, a taxa diminuíu na maioría, pero aumentou un 54,2 % na área de Ferrol.
A positividade dos virus da gripe situouse no 5,7 %, unha cifra superior á da semana anterior. Pola súa banda, a taxa de ingresos por gripe foi de 2 por cada 100.000 habitantes, manténdose estable. No que vai de tempada, notificáronse 319 ingresos, a maioría deles (310) con virus do tipo A.
Respecto á covid-19, a taxa de consultas baixou un 17 %, pasando de 9,9 a 8,3 por cada 100.000 habitantes. Esta diminución observouse na maioría dos grupos de idade, agás nos menores de 5 anos (aumento do 62,3 %) e nos de 5 a 19 anos (aumento do 34,1 %). A positividade do virus da covid foi do 9 %, inferior ao 10,2 % da semana previa.
A Xunta iniciou a campaña de vacinación contra a gripe o 28 de setembro en residencias e centros de discapacidade. Desde o 9 de novembro vacínase a persoas de 60 ou máis anos, persoal esencial e de exposición laboral. A partir do 30 de novembro abrirase a vacinación aos conviventes de persoas de risco e ao resto da poboación diana.




