Este nomeamento, considerado unha das maiores distincións internas da universidade con sede en Hsinchu, recoñece a excelencia en investigación, docencia e proxección internacional. A cátedra, financiada por unha fundación homónima, busca atraer e reter talento académico de primeiro nivel.
A concesión desta honra foi impulsada polo College of Education e o Departamento de Recursos Ambientais e Culturais da universidade taiwanesa. Destácanse os seus traballos de colaboración internacional e o seu impacto científico na aplicación da psicoloxía á educación.
A denominación “Ching-Ching Hung-Dao” ten a súa orixe no termo chinés “Qingjing” (o benefactor) e está vinculada ao concepto filosófico confuciano “Dao”, entendido como “a vía correcta do coñecemento e a educación”.
Este recoñecemento súmase a unha destacada traxectoria académica, que inclúe o seu recente nomeamento como Catedrático Emérito pola Universidade da Coruña. Ao longo da súa carreira, acumulou importantes distincións internacionais, como a súa condición de Catedrático Honorario na University of Bath, o título de Doutor Honoris Causa pola Universidade Alexandru Ioan Cuza de Iași e o seu nomeamento como Académico da International Association of Applied Psychology.
Ademais, foi profesor visitante distinguido en institucións de referencia mundial como a Texas State University, a Cornell University, a Universidade de Tokio e a Universidade de Santo Tomás de Manila, consolidando unha carreira marcada pola proxección internacional e a excelencia no ámbito académico.




