A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, dá luz verde ao proxecto destinado ao autoconsumo colectivo. A enerxía subministrarase ao complexo de Inditex e a outras empresas da dársena no concello coruñés.
O parque eólico terá unha potencia total de 19.8 megavatios (MW) e estará composto por tres aeroxeradores. Inclúe tamén a ampliación da subestación eléctrica transformadora e unha liña subterránea de alta tensión na contorna industrial do porto exterior de Punta Langosteira.
Este proxecto, que recibiu a súa Declaración de impacto ambiental favorable (DIA) en decembro do ano pasado, prevé unha produción neta estimada de 52.368 MWh anuais, contribuíndo á redución de gases de efecto invernadoiro.
As autorizacións administrativas outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente doutras licenzas ou permisos necesarios para a realización das obras.




