O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou hoxe a Modiña Summit 2026, un encontro que chega á súa cuarta edición e que se centrará na innovación, o emprendemento, o turismo e o comercio vinculados á industria da moda. O evento busca reforzar a relación histórica da cidade coa moda e proxectala como un elemento estratéxico para o desenvolvemento económico, cultural e turístico.
Durante a presentación, Castro destacou que "Na Coruña, a creatividade sae á rúa. Está nun escaparate, nun obradoiro, nunha exposición; na maneira de vestir, de mesa e de abrir as portas a quen nos visita. A esa relación entre o que somos, o que creamos e o que compartimos chamámoslle Cultura de Vivir".
A programación desta edición inclúe por primeira vez un Press Trip de Moda e Turismo pola Coruña, dirixido a xornalistas e creadores de contido. Esta iniciativa percorrerá espazos representativos da cidade para coñecer a súa conexión coa industria téxtil, o comercio, a artesanía e a gastronomía, co obxectivo de reforzar o posicionamento da Coruña como destino de moda e creatividade.
O día 5 de novembro, a partir das 16.00 horas no Work Café Santander, celebrarase JF64 Emprende, un espazo onde nove proxectos téxtiles e de moda presentarán as súas propostas ante un xurado especializado. Tamén se abordará o impacto da intelixencia artificial no sector e as oportunidades para o ecosistema galego da moda.
Ademais, haberá unha mesa redonda sobre turismo baixo o lema "A Coruña, destino moda. Galicia, destino moda", e un foro sobre o futuro do comercio e a dixitalización. O comunicador e experto en moda Josie ofrecerá un relatorio especial.
O concelleiro puxo en valor a moda como expresión cultural e motor económico, sinalando que "a moda ocupa un lugar na identidade da nosa cidade. Reúne a sensibilidade de quen deseña, o saber de quen confecciona e a proximidade de quen atende un comercio. Converte a creación en traballo e a personalidade nunha linguaxe que viaxa. É cultura que se viste e que leva o nome de Galicia polo mundo".
Segundo a organización, a Modiña 2026 contará coa participación de máis dunha trintena de líderes de opinión e acadará unha ampla difusión nas redes sociais e medios especializados, consolidándose como un foro clave para analizar as transformacións dun sector estratéxico para Galicia.




