A Xunta de Galicia está a impulsar as técnicas de construción industrializada como un método áxil, seguro e respectuoso co medio ambiente para a edificación de vivendas. Actualmente, hai preto de 800 fogares públicos en execución en toda Galicia que empregan este sistema construtivo.
Na promoción de Xuxán, que inclúe 40 vivendas, os elementos que se fabrican en taller e se montan posteriormente no lugar son a estrutura principal, as fachadas e os propios balcóns. Dende esta semana, estase a levar a cabo a instalación dos 40 balcóns, dos cales 32 se realizan con este método avanzado. O proceso comeza coa colocación das bandexas de aceiro galvanizado, suspendidas dende a cuberta mediante tirantes e con acabado de céspede artificial, seguidas da montaxe das varandas, fabricadas na propia Galicia.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas sinala que a provincia da Coruña conta con máis de 1.000 vivendas de promoción pública en desenvolvemento. Ademais das 40 vivendas en Xuxán, estanse a construír nesa mesma zona outras dúas promocións de 50 e 14 vivendas.




