Esta nova ferramenta xorde da necesidade de proporcionar recursos accesibles e personalizados tanto a familias con menores afectados como a adultos con TDAH. A aplicación, que xa está dispoñible para descarga, busca cubrir a demanda de apoio no día a día que moitos usuarios expresaban á fundación.
“"Non todos os contornos están sensibilizados ou teñen coñecemento real sobre o TDAH."
Go TDAH permite un seguimento máis obxectivo dos síntomas grazas aos seus gráficos de evolución e inclúe cuestionarios validados cientificamente. Estes cuestionarios avalían áreas frecuentemente afectadas polo TDAH, como a regulación emocional, as funcións executivas e os hábitos de vida saudable. En función dos resultados, a aplicación ofrece recursos visuais, como vídeos curtos, para guiar aos usuarios.
A iniciativa da Fundación Ingada subliña a importancia dunha abordaxe multimodal e multidisciplinar do TDAH, adaptada ás necesidades individuais de cada persoa. A aplicación foi desenvolvida durante dous anos e contou co apoio da Fundación Barrié a través da súa convocatoria Más Social, o que permitiu facer realidade este proxecto gratuíto.
Un dos maiores desafíos para as persoas con TDAH e as súas familias é a falta de sensibilización e o coñecemento erróneo que existe sobre o trastorno. A aplicación busca tamén contribuír a unha maior comprensión e a desmitificar ideas preconcibidas, ofrecendo estratexias prácticas para o funcionamento diario.




