Esta nova dotación busca revitalizar a oferta de lecer para os usuarios máis pequenos, ofrecendo novas posibilidades e atraccións deseñadas para o desenvolvemento das súas capacidades físicas e motrices nun contexto lúdico.
O barco pirata incorpora elementos como unha tirolesa, unha hamaca, un tobogán, prismáticos, un canón de xoguete, unha fiestra de burbulla e unha rede de escalada, entre outros xogos.
Segundo apuntou o concelleiro de Infraestruturas, Jesús Celemín, trátase dunha "gran atracción de último modelo especialmente deseñada para o desenvolvemento social, emocional e físico dos máis pequenos e pequenas". Engadiu que "a idea é achegarlle aos espazos públicos de lecer elementos adaptados ás necesidades concretas dos rapaces e rapazas, poñendo os recursos públicos ao servizo de mellorar substancialmente a oferta das nosas áreas infantís".
A construción, seleccionada polo seu baixo impacto medioambiental, está composta por materiais reciclados en máis dun 70%, en liña coa aposta do Concello pola sostibilidade, funcionalidade e durabilidade nos proxectos de remodelación de áreas infantís.




